xoves, 23 de marzo de 2017

O 20 de maio de 2017 é a estrea de "Castelao de chumbo a verba" de Miguel López. Non a perdades!


xoves, 2 de febreiro de 2017

RAQUEL QUEIZÁS FICHA POR "PUIDO SER"

Temos que comunicar o que entendemos que unha grande nova para "Pudo ser".
Despois de conversas, a verdade é que non tivemos que insistir moito, podemos anunciar que a polifacética artista Raquel Queizás vai dirixir unha escena de "Puido ser". En concreto a escena dentro da escena, a do filme dos irmáns Marx na que Groucho Marx como Presidente da República de Ceibeliza fala coa Sra. Margaret Dumont e recibe ao Ministro Plenipotenciario de Imperania.
Benvida Queliña!


sábado, 26 de novembro de 2016

Teaser - Castelao De chumbo a verba





Este é o adianto do filme que sobre Castelao e Pontevedra realizou Miguel López, e que terá a súa estrea a comezos de 2017.

martes, 11 de outubro de 2016

O FILME RECOMEZA

Despois dunha dura tempada, recomezamos o filme e voltamos a escribir neste blog, o blog de todas/os.

Como algún de vós seguro que non coñecedes o que pasou, facemos unha pequena relación dos feitos que supoxeron un tempo de reflexión no proxecto:
A finais de xuño cedín o disco duro con todas as escenas filmadas até ese momento (un 70-80% do total da filmación) á directora. Nese disco duro estaban tamén outras gravacións que incluso non tiñan nada que ver co filme.
Dende principios de xullo sospeitei que a directora non quería devolver o dito soporte, porque ante os repetidos requerimentos para que así o fixera, negábase. Polo se confirmou un puro secuestro do gravado até a data.
Convocada unha reunión, presentouse sen o disco duro e cun contrato que pretendía que asinásemos tanto a Anpa como eu, e no que en xeral as cláusulas se referían a un control case absoluto da producción pola directora, abrindo a porta a cobrar pola edición (montaxe) do filme. Cando en todo momento por parte do presidente da Anpa e eu mesmo se lle dixo que non había diñeiro para pagar nada.
A día de hoxe, o disco duro que é da miña propiedade sigue retido de forma ilegal por parte desta muller, polo que xa foi requirida a nivel legal, advertíndolle que de non devolver o disco duro nos próximos días terá que responder por un delicto de apropiación indebida do art.252 do Código Penal, ou o tipo que corresponda.

Á vista dos feitos Ticiana Ghiglione Darriba está completamente fóra deste proxecto. A razón non é outra que ter malversado a confianza depositada nela, por secuestrar o producto elaborado por todas/os para conseguir un beneficio propio. Usou as imaxes como refén para obligarnos a aceptar as súas condicións. É impresentábel esta actitude, pois nunca a Anpa por medio do seu presidente e máis eu nos negamos a falar de calquera tema referido ao filme.

Entendo que todo o anterior é pasado, unha das vicisitudes que soportou este proxecto. Hoxe, o novo presidente da Anpa comunicoume que a Xunta directiva decidiu non continuar na producción do filme, pero que cede a cámara para continuar coa filmación até finalizar.
Agradezo á Anpa, e principalmente ao presidente Manuel Álvarez Álvarez todas as deferencias que tiveron co filme e comigo, que valoro en grande medida.

Agora estou falando cunha asociación cultural sen ánimo de lucro para que dé cobertura legal ao filme. Nos próximos días agardo poder confirmar un acordo.
A partir de agora van cambiar algunhas cousas, como que as convocatorias se farán por correo electrónico, haberá enderezo de correo electrónico da película, posíbelmente unha páxina no facebook...
O que non cambia é o guión (só algunhas cousiñas que se indicarán, coa suficiente antelación), e hai que voltar a gravar todas as escenas, algo que semella doado despois da "práctica" anterior.
Por suposto, os papeis seguen sendo para as/os mesmas/os intérpretes, agás que algunha persoa ou familia quera deixalo, aquí todo é voluntario, incluida a entrada e a saída.

Desculpade este periodo de silencio, e agardo que continuedes axudando a facer "Puido ser".

Grazas, Xan M. Pérez Nartallo

martes, 12 de xullo de 2016

CARBALLO DE SANTA MARGARIDA

Saúdamos que algunha forma política se faga eco da problemática dalgunha parte do nos patrimonio. Pero teñen que facer máis, todas/os!!!

http://pontevedraviva.com/xeral/29410/psoe-reclama-coidado-carballo-santa-margarida/

domingo, 26 de xuño de 2016

TVG E ONDA CERO

Segundo teñamos tempo, vamos ter maior repercusión nos medios de comunicación.
Xa saiu algo en Pontevedra Viva e La Voz de Galicia.
Este próximo luns gravaremos coa TVG para ser emitida unha pequena reportaxe, xa vos avisaremos cando.
Tamén esta semana que entra gravaremos con Susana Pedreira de Onda Cero para unha emisión que achamos que será nos primeiros días de xullo.

Estade atentos a este blog.

MÁIS GRAVACIÓNS E INCIDENTE COA POLICÍA LOCAL

Continuamos coas gravacións, o sábado 18 de xuño gravamos o capítulo "Gaiolas douradas" polas rúas de Pontevedra.

Cando estabamos a gravar a escena 1 na rúa Michelena e despois de pasar 3 ou 4 veces un vehículo da Poicía Local polo lugar sen ter parado en ningún momento, na última pasada parou a uns cen metros de onde estaba nese momento parado o Panhard & Levassor e 1912 na porta do antigo Banco de España, desceu un axente e achegándose a nós e sen saúdar nen identificarse dixo que "ese coche no tiene ni ITV, ni seguro", entón montouse un diálogo durante case unha hora no que lle ensinamos o seguro e ITV ao día e a autorización da propia Policía Local de ocupación de vía pública para facer as gravacións. O asunto foi así:

- Os axentes sen dirixirse previamente a nós pedindo explicacións, preguntaron á central se o automóbil que vían tiña autorización para permanecer aló, ao que recibiron a resposta de que si pois tramitaramos a autorización vía Pontevedra Film Commission (órgano do Concello encargado de tramitar os permisos para rodar na cidade).

- A continuación pediron a unha base de datos da Dirección General de Tráfico se tal auto estaba ao día da inspección técnica de vehículos e do seguro. Dende hai anos os vehículos cunha antigüidade superior a 25 anos poden solicitar a súa declaración de históricos polo departamento de industria da Xunta de Galicia, como é este caso. Despois tráfico asigna un número de matrícula histórica, e consinte seguir utilizando a placa orixinal. Pois ben na documentación do coche viña a placa de histórico e como non coincidía coa que portaba... os policías xa nos declararon sospeitosos. Eles son culpábeis de non coñecer a lexislación sobre automóbeis históricos.

A declaración de histórico comporta a efectos de ITV que estas deben ter en conta as limitacións como diferencia a respecto da inspección dun vehículo moderno como ausencia de cintos de seguridade e outras, e ademais, e isto é moi importante, segundo a antigüidade a inspección farase en este caso concreto cada cinco anos, non cada ano. Como queira que na tarxeta de inspección e no rexistro de Tráfico aparecía que realizouse a inspección en 2012 e caducaba en 2013, os axentes considerannos sospeitosos. Tamén na mesma tarxeta de isnpección técnica se di, "periodicidade cada cinco anos" e polo tanto caduca en 2017. Eles son culpábeis de non coñecer a lexislación sobre vehículos históricos.

Respecto ao seguro, na base de datos de Tráfico non figuraban tanto a matrícula orixinal como a de histórico, polo que tamén eramos culpábeis de circular sen seguro. Tras variadas discusións, e non divertidas, caemos na conta de que a compañía de seguros, seguramente por un tema informático engadía dous ceros diante do número de matrícula orixinal. Resolto.

Conclusión: Estar en parado na zona histórica de Pontevedra cun automóbil de 1912, cun fato de rapazas e rapaces de 11 anos vestidos de época e cunha cámara é, cando menos, sospeitoso de ilegalidades. Pois non! Era todo legal! 

Finalmente, e despois de facernos perder o tempo, puidemos continuar as gravacións. Iso si, os axentes marcharon coa mesma educación coa que chegaran, sen pedir desculpas e sen despedirse e por suposto sen ofrecerse por se necesitabamos algún tipo de axuda. Subiron no seu coche oficial e... non os voltamos ver.

Se estas son as facilidades para gravar en Pontevedra, non queremos nin imaxinar o que tal comportamento pode supór para unha empresa de cine que veña rodar en Pontevedra coa perda de tempo e gastos por ter a un equipo parado durante unha hora por descoñecemento da lexislación e o uso das máis elementais normas de cortesía por parte das persoas que representan a autoridade.

O sábado 25, gravamos o capítulo "Coro" na fachada de Santa María a maior e no carballo centenario de Santa Margarida. Tentaremos rematar o restante antes do 15 de xullo, para comezar de seguido a montaxe do filme e estrear no último cuadrimestre do ano.

Grazas a todas/os.