xoves, 10 de marzo de 2016

GUIÓN DO CAPÍTULO "MARX"

Puido ser

Capítulo Marx

Personaxes: Castelao, Virxinia, Señora 1, Señora 2, Comisario, persoas asistindo ao cinema, Presidente da República de Ceibeliza (caracterizado como Groucho Marx), Sra. Dumont, Ministro plenipotenciario de Imperiania.
Localizacións: Oficina do goberno civil, rúas de Pontevedra, sala de cine.

ESCENA 1

Oficina do goberno civil, dúas mulleres estanlle a referir ao Comisario importantes informacións.

Señora 1.- Sr. Comisario dígolle que o escoitei con estas orellas (tocase as orellas para que parezan máis grandes), foi no café Méndez Núñez o Sr. Castelao estaba a falar moi animado dun tal Marx a un grupo de xente.

Señora 2.- Siii, eu tamén o escoitei coas miñas (tócase as orellas para que parezan máis grandes). Os outros seguíanlle o fío mais non dicían ren.

Sr. Comisario.- Castelao?

Señora 1.- Si hom, ese alto, que de alto que é ten que apoiarse nun bastón para non perder o equilibrio, ten lentes deses modernos e chapeu de “ala ancha”.

Señora 2.- E e usa “pajarita”, seguramente para chamar aínda máis a atención. Un págharo, Sr. Comisario, que llo digo eu, non saberei.

Sr. Comisario.- Non sei... (dubidando).

Señora 2.- Escoitei que está noite vai ver a ese Marx, imaxine o maior comunista do mundo en Pontevedra!

Señora 1.- Quen sabe o que preparan!

Sr. Comisario (algo nervioso).- Por Deus, agora que estaba a chegarme a xubilación. Pero pode ser, socialistas en Pontevedra?

Señora 1.- Nooon. Co-mu-nis-tas.

Señora 2.- E aínda pior, os soviets!

Sr. Comisario (decidido).- Hoxe seguirémolo para saber que hai detrás de todo isto.

ESCENA 2

Na rúa de noite, Castelao e Virxinia camiñan do ganchete charlando, a distancia síguenos o Sr. Comisario e as mulleres.

ESCENA 3

No cine Castelao e Virxinia sentan para ver a película.

ESCENA 4

No escenario estase a producir unha das esceas do filme. Nun cadro de cartón negro que simula os límites da pantalla ocurre o seguinte:

O Presidente parece dirixirse a unha grande concurrencia, fala de fronte:

Presidente.- En definitiva a guerra é inevitábel.

Entra a Sra. Dumont en escena.

Sra. Dumont.- Excelencia.

Presidente.- Que é Sra.?

Sra. Dumont.- No nome da paz decidín facer o derradeiro esforzo para evitar a guerra.

Presidente.- (con sorpresa) Non diga!

Sra. Dumont.- Falei co Ministro plenipotenciario e di que Imperiania non quere a guerra.

Presidente.- Tampouco?

Sra. Dumont.- Pensei que unha conversación amigábel deixaría todo en paz. Permitinme convidar ao ministro plenipotenciario aquí. Chegará dun momento a outro.

Presidente (collendo a man da Sra.).- Sra. Dumont foi unha noble acción. Non merecería a confianza que se depositou en min se non fixera todo o posíbel para manter a nosa querida Ceibeliza en paz. Compracido recibirei ao Ministro plenipotenciario e ofrecereille no nome do meu país a man dereita da amizade. Estou seguro que vaina aceptar como un xesto de boa vontade.
Mais, e se non o fai? Sería un desastre, eu coa man extendida e el sen aceptala, iso minguaría o meu prestixio (elevando o ton de voz), eu o presidente da república de Ceibeliza desairado por un Ministro plenipotenciario estranxeiro. Quen se cre que é? Viñendo aquí e deixándome en ridículo diante do meu pobo, pénseo.
(pasa a falar doutra beira da Sr. Dumont) Eu extendo a miña man e esa denosiña estranxeira negándose a aceptala, ese porco de pé non sairá coa súa, asegúrollo, nunca.

Sra. Dumont (turbada e nerviosa).- Por favor.

Entra o Ministro Plenipotenciario.

Presidente (tirando unhas luvas do peto da chaqueta e dirixíndose ao ministro plenipotenciario).- Ben, así que se nega a chocar eses cinco. Touché! (golpeándolle a cara coas luvas).
Ministro Plenipotenciario.- Sra. Dumont isto é o colmo, agora xa non hai remedio, é a guerra!

O ministro plenipotenciario e a Sra. Dumont fan mutis polo foro.

Presidente (erguendo o brazo dereito).- Farémola guerra!

ESCENA 5

Plano do Comisario que se bota as mans á cara, tapandoa.

Fin





Ningún comentario:

Publicar un comentario