xoves, 10 de marzo de 2016

GUIÓN DO CAPÍTULO "ESTATÍSTICA"

Puido ser

Capítulo estatística

Personaxes: Castelao, conserxe, Don Donato (con binóculo) e Don Manuel (este con barba retallada).
Localizacións: escaleiras exteriores, corredores e oficina do edificio da antiga Delegación de Hacienda en Pontevedra (Xardíns de Casto Sampedro).

ESCENA 1

Plano das escaleiras da Delegación de Hacienda en San Francisco, Castelao sube por elas, sona unha badalada, Castelao deténse e mira cara a fachada de San Francisco (non se pode ver o rosetón xa que non existía daquela).
O Plano é dende abaixo e colle a porta da Delegación, Castelao entra.

ESCENA 2

Interior, o conserxe sae a recibilo.
Castelao.- Bos días, son Afonso Daniel Rodríguez Castelao, veño a presentarme a Don Donato Domínguez Arines.
Conserxe (como interpretando o que escoitou).- Sr. Rodrigo Castelán, veña comigo.
Castelao.- Castelao, Rodríguez Castelao.
Conserxe (dando a volta e botando a andar).- Xa, xa sei, Sr. Rodeiro Casteleiro.
Castelao (seguíndoo).- Cas...

ESCENA 3

Oficina, detrás dunha mesa Don Donato está a escribir con pluma (literal), petan na porta.
Don Donato.- Adiante.
Se abre a porta e aparece o conserxe.
Conserxe.- Don Deodato, aquí o Sr. Rodicio Cas.. Cas...
Xirase e pregúntalle a Castelao.
Conserxe.- Como era?
Castelao.- Será son.
Conserxe (incrédulo).- Sr. Son?

Don Donato (interrumpindo).- Pase pase. Supoño que vostede é o Sr. Rodríguez Castelao. Desculpe ao noso conserxe unha mina na guerra cos americanos deixoulle secuelas e no ministerio déronlle este traballo polos servizos prestados. Pero sente, sente.
(Ao conserxe), faga o favor de chamar a Don Manuel.

Castelao senta nunha cadeira.
Don Donato.- Estamos encantados de telo entre nós.
Castelao.- E eu de estar aquí.
Don Donato.- Xa verá que este traballo non mata, o que non quere dicir que non sexamos eficientes. Nas últimas estatísticas do Ministerio fomos distinguidos por ser a décimo oitava Delegación en facer estatísticas.
Castelao.- Décimo oitava!
Don Donato.- Si. Non é magnífico? A décimo oitava foi a cohorte que tiña emprazamento en Turoqua. Estou convencido que non é unha casualidade. Precisamente estou realizando un estudo... (É interrompido por unhas petadas na porta). Adiante!
Ábrese a porta e entra Don Manuel.
Don Donato.- Amigo Domestre, aquí temos á persoa que esta delegación precisaba. Como é o seu nome? (dirixíndose a Castelao).
Castelao.- Afonso Daniel...
Don Donato (interrompindo).- Bravo, como o noso Rei, que Deus garde.
Don Manuel.- Sexa benvido a Pontevedra.
Don Donato.- Confío en que o amigo Domestre o poña ao día da importante laboura funcionarial desta delegación.
Don Manuel.- Non se preocupe, nuns anos estará ao tanto de todo o que a estatística grazas a análise matemática permite estudar coa máxima precisión os fenómenos colectivos.

Hai un pequeno silencio no que se ollan entre os tres.

Don Donato e Don Manuel (ao unísono).- É vostede matemático?
Castelao.- Matemático? Pois... (dubidando na resposta) non. Son funcionario, saben.
Don Donato (sorrindo todos).- Por suposto, non ten a maior importancia.

Fin


Ningún comentario:

Publicar un comentario