xoves, 5 de maio de 2016

GUIÓN DO CAPÍTULO "TEATRO PRINCIPAL"

Puido ser

Capítulo Teatro Principal

Personaxes: Castelao, Manuel Quiroga, Ramón Cabanillas, auditorio.
Localizacións: Teatro Principal.

ESCENA 1

O local está ateigado de xente, as luces son moi tenues, só iluminado o escenario.

Manuel quiroga está de pé no escenario do Teatro Principal, leva o violín ao ombreiro e comeza a tocar unha melodía. Remata entre grandes aplausos da concorrencia e berros de “bravo”.

Despois sube ao escenario Ramón Cabanillas saca un papel e comeza a recitar o seu poema “En pé”.

Ramón Cabanillas.-
¡Irmáns! En pé, sereos,
a limpa frente erguida,
envoltos na brancura
da luz que cai de riba,
o corazón aberto
a toda verba amiga,
e nunha man a fouce
e noutra man a oliva,
arredor da bandeira azul e branca,
arredor da bandeira de Galicia,
cantémo-lo dereito
a libre nova vida!

Validos de treidores
a noite da Frouseira
á patria escravizaron
uns reises de Castela.
Comestas polo tempo,
xa afloxan as cadeas…
¡irmáns asoballados
de xentes estranxeiras,
ergámo-la bandeira azul e branca!
¡E ó pé da enseña da nazón galega
cantémo-lo dereito
a libertar a Terra!

¡Irmáns no amor á Suevia
de lexendaria historia,
¡en pé! ¡en pé dispostos
a non morrer sin loita!
¡O día do Medulio
con sangue quente e roxa
mercámo-lo dereito
a libre, honrada chouza!
¡Xa está ó vento a bandeira azul e branca!
¡A oliva nunha man, a fouce noutra,
berremos alto e forte:
“¡A nosa terra é nosa!”

O auditorio resposta con grandes aplausos e berros de viva e bravo. Cabanillas intenta dar as grazas pero só consegue facelo coa cabeza.

Sube Castelao ao escenario. Saca un papel do peto.

Castelao.- Boas noites, estimada concorrencia. Despois de escoitar a estes grandes artistas, seguramente a miña disertación será de pouco interese para vostedes polo que vou ser breve.
Na nosa terra, dixo Risco, podíase ser mestre, bachiller, médico, funcionario, maxistrado, notario, coengo, bispo, obter os máis outos grados e os máis outos cárregos sen saber ren de Galiza. O Estado concede gratuitamente o dereito a iñorala. Veleiquí o modo absurdo que se ten de culturizar o noso país: forzándoo a iñorarse a si mesmo.
Con Prisciliano na frente a Santa Compaña de imortais galegos se perde na espesura dunha foresta lonxana, veremos xurdir dos humus da terra nai, da terra, da nosa terra... unha infinida noitedume de luciñas y vagalumes, que todos xuntos forman o substractum insobornabel da patria galega. Enerxía colectiva que nunca se cansa.
Que a fogueira do esprito siga quentando as vosas vidas e que a fogueira do lume non deixe de quentar os vosos fogares.

O auditorio comeza a aplaudir poñéndose en pé.


FIN

Ningún comentario:

Publicar un comentario